26/7/10

26 de xullo, día dos avós

Foto de Margherita Vitagliano

O 26 de xullo é o día dos avos.


Os avós son esas persoas ás que tanto se lles debe, e que ás veces, tan pouco reciben a cambio.

Do avó Benigno non me lembro, el xa morrera cando eu nacín. Din que era un home moi alto e moi guapo, e por iso traía toliñas a todas as mulleres da vila.

Da avoa Laura teño uns recordos moi confusos. Lembro unha cama nun recuncho dun cuarto. Un cuarto con porta a un pequeno balcón.

Na cama, un corpo cuberto de negro. Un negro loito.
Ningunha nai e ningún pai deberían ter que padecer o amargo sufrimento que é sobrevivir a unha parte de ti, a algo que foi teu, que estivo no teu interior e que agora xa non existe, xa non está.

Non lembro máis dela, pero dos seus nove fillos que si sobreviron á morte da súa nai, puiden escoitar historias da valentía que supoña ser unha nai na Galicia da guerra e da posterior ditadura.

Un día comecei a escribir un libro, un libro que falaba da avoa Laura. Un libro que nunca rematei. Un libro que comeza así:

A avoa Laura naceu e morreu pobre. Eu a penas a coñecín porque faleceu cando eu tiña pouco menos ca tres anos. Daquela, vivían na casa os meus pais, a miña irmá, que me leva seis anos, o padriño e a avoa Laura.

Case que non teño recordos dela, os máis, os que me foron contando aos longos dos anos, pero recordos de meu, teño ben poucos. O que si lembro é a unha señora maior, vestida de loito e deitada nunha cama, como agardando a que a morte viñese por ela xa dunha vez. A avoa Laura nunca volvera ser a mesma dende que lle morrera o seu fillo, cando eu tiña máis ou menos, un ano e medio.

A xente di que non se debe de ter un fillo só, porque se che morre quedas sen ningún e a pena é máis grande, pero a eses a avoa Laura diríalles que ningún fillo que tiveses ocuparía o lugar que deixou o que se foi de súpeto, case sen avisar. É por iso que os dez fillos, daquela xa só nove, que tiña a avoa Laura non foron suficiente para acabar coa dor que a prematura morte de Silverio, con pouco máis de vinte anos e cun mes de casado deixou no corazón da viuva, dos irmáns e, como non, da coitada da nai, que rematou morrendo de pena e coa esperanza de poderse atopar co seu penúltimo fillo alá onde Deus a levase.

A avoa Laura naceu no ano 1912, filla dunha republicana, a visaboa Feli, pasou toda a súa vida parindo e coidando fillos. Non tivo oficio coñecido máis que o de coidar dos seus, que coa cantidade que eran, dabondo lle chegaba.

Da avoa Virginia e do avó Adolfo xa teño máis recordos de meu. Son reais, non mos tiven que construír cos retazos das verbas dos demais.

O avó Adolfo era serio, poucas veces o escoitei rir. A avoa Virgnia parecía moi fráxil, pero en realidade era moi forte.

Mais eu, xa non teño avós.