27/12/09

Baixo un manto branco

Aí debaixo está Ponteareas!!!!


Vivimos entre a néboa, rodeados dun manto branco.

Mentres facía a foto, na vila, comezaba a arder unha casa abandonada. Por entre esa brancura comezou a xurdir unha columna de fume.



25 de decembro de 2009

Para desenvolver a imaxinación dos nenos

Papá Nöel agasalloume cun libro para axudar a desenvolver a imaxinación dos nenos e como non, tamén a miña:
El taller de los duendes: una guía para ayudar a los niños a imaginar,
 ilustrar y realizar su propio libro.



Grazas Ani.

16/12/09

40º aniversario do CEIP Nosa Señora dos Remedios

O venres 18 de decembro celebraremos o 40º aniversario do Ceip Nosa Señora dos Remedios.
Comezaremos cun acto conmemorativo, para dar paso a unha cea.
Haberá moitas sorpresas!!!!!



5/12/09

III ENCONTROS DE CENTROS EDUCATIVOS CON PLANS DE AUTOAVALIACIÓN E MELLORA DA CALIDADE DA EDUCACIÓN

O días 3 e 4 de decembro celebráronse en Sanxenxo os III Encontros de Centros Educativos con plans de autoavaliación e mellora da calidade da educación.




O programa contou coas seguintes conferencias e obradoiros:


A AVALIACIÓN INTERNA DO CENTRO E AS SÚAS CONSECUENCIAS
                                                                  Ramón Pérez Juste


A conferencia de Pérez Juste foi moi refrescante e revitalizante, pois ás veces unha séntese unha extraterrestre cando manifesta as súas ideas de como se deberían facer as cousas na educación.


Algunhas das ideas que expuso son:

1. A avaliación non ten que ser un fin, senón un medio.

2. Cando teñamos feita a avaliación debemos tomar decisións que nos axuden a mellorar.

3. Os centros educativos deben funcionar como verdadeiras organizacións, evitando os proxectos  individuais de aula ou de materia.

4. Temos que facer organizacións que aprenden e que acheguen a súa propia experiencia ás organizacións futuras: acumulación de experiencia,  mediante a documentación dos procesos.

5. É mellor unha autoavaliación se é sincera ca unha avaliación externa.

6. A educación non se pode entender sen a colaboración dos pais. Se non é así a eficacia será nula. Están fóra pero son parte da organización.

7. A avaliación non debe ser o momento de botar na cara os erros dos demais, senón o momento de corrixir.

8. O alumnado ten que ser considerado como unha persoa, non só como unha mente con capacidades, senón tendo en conta os seus sentimentos, o seu contorno, os seus problemas... polo que vai precisar a axuda do seu titor-a e tamén do Departamento de Orientación.


DA AVALIACIÓN Á MELLORA E Á INNOVACIÓN NOS CENTROS EDUCATIVOS
                                                                                                                       Alejandro Campo


1.  O cambio vai depender do que os profesores pensen e fagan.

2. Os grandes cambios de proxecto escolar témolos que facer acompañados.

3. O cambio significa novos materiais, novas prácticas e comportamentos e novas creencias e xeitos de pensar.

4. Unhas das barreiras para o cambios son a cegueira colectiva, a parálise e o feito de non finalizar o proxecto iniciado.

5. Os cambios non poden depender dos grupos con inquedanzas. O Equipo Directivo ten que ser quen de seguir co cambio aínda que se produza renovación da plantilla do profesorado.


6. O ben feito non pode desaparecer, xa que supuxo un gasto de enerxía dos docentes.


OBRADOIROS SIMULTÁNEOS


1. OBRADOIRO DE COMPETENCIAS BÁSICAS NA EDUCACIÓN SECUNDARIA.
2. OBRADOIRO DE COMPETENCIAS BÁSICAS NA EDUCACIÓN PRIMARIA.
3. OBRADOIRO DE CONVIVENCIA.
4. OBRADORIO DE ATENCIÓN Á DIVERSIDADE.


CONCLUSIÓNS


1. Para que os Centros cambien, temos que cambiar a metodoloxía.
2. Hai que desdramatizar o tratamento das competencias nos nosos Centros.
3. A Administración ten que promover unha formación masiva nas competencias básicas.
4. Necesidade de materiais e recursos.
5. Formación e implicación do profesorado, dirección e do Departamento de Orientación.
6. Implicación da comunidade educativa e resto de servizos coma o médico, sociais...
7. Estabilidade na plantilla.
8. Autoavaliación.
9. Implicación das familias.
10. Coherencia entre os diferentes documentos no Centro.
11. Coordinación co persoal non docente.
11. Plan de Acción Titorial.
12. Escola de familias, non só de pais e nais.
13. Redistribución do alumnado con necesidades específicas en diferentes aulas e en diferentes centros.
14. Necesidade de informar en cada trimestre ás familias sobre o seguimento do alumnado.
15. Atención emocional.



A convivencia e a súa mellora non é cuestión de ausencia só da violencia senón construción de relacións dun mesmo e cos demais.

Só compartindo colectivamente obxectivos e puntos de vista poderemos mellorar o clima de convivencia nos Centros Educativos.       Zabalza                                                             
                                

27/11/09

Encontro no Colexio La Inmaculada de Ponteareas

Hoxe volveu ser unha xornada moi especial.

O encontro no Colexio La Inmaculada de Ponteareas deixoume momentos de moita emoción e felicidade.

Quero agradecerlle a Carmela e a Mila que me convidasen a compartir ese mar de ilusións que se podían ver nos ollos dos nenos e nenas que alí estaban.

Un momento moi especial foi o que vivín con Anita, deséxoche que consigas todos os teus soños, porque vexo que xa es unha gran loitadora.

E non me quero esquecer de Julia, un bico moi grande tamén para ela.

Moitas grazas.




18/11/09

¡Vivamos como galegos! ¡Maloserá!

Ao final fai máis GADIS pola nosa conciencia colectiva ca a propia Xunta.

Se no fondo, só nos falta ter un chisquiño de autoestima!!!!


maloserá




12/11/09

Lendo Contigo, Gondomar





O sábado tiven unha sesión no Club de lectura compartida Lendo contigo que se celebrou na biblioteca de Gondomar.

Ani atopou nesta biblioteca uns nenos e nenas aos que non lles gusta nada que haxa libros que ninguén os leva á súa casa.

É por iso que acoden a miúdo a un lugar máxico, ¡unha antiga escola reformada e convertida agora en biblioteca!

Si, si, lestes ben, é igual ca biblioteca na que vive Ani, que foi escola ata que os nenos e nenas de Lemoito marcharon para o colexio novo.

Saúdos moi agarimosos para todos os lectores e lectoras de Gondomar.



2/11/09

Ler para sentirse ben




Cando escollemos os libros que lemos, cada quen ten as súas razóns, pero entre unha delas está a de ler para sentirse ben.

Un dos libros que cumplen esta función é o de Yo, de Philip Waecheter.

Yo, foi un agasallo que me fixeron as miñas amigas Montse e Ana. Dende que mo deron léollo a todos os nenos e nenas e non tan nenos e nenas que se cruzan no meu camiño.

A nivel de aula, serve para traballar a autoestima. Funciona moi ben.

Orientaremedios



Dende o Departamento de Orientación do CEIP Nosa Señora dos Remedios, comezamos unha nova andaina no blog http://orientaremedios.blogia.com/

Queremos que sexa un espazo dinámico e participativo no que poder solventar as dúbidas das familias arredor do coidado e educación dos seus fillos e fillas.

25/10/09

Xornadas Bibliotecas Escolares de Galicia

Esta fin de semana foron as xornadas das Bibliotecas Escolares de Galicia co lema Novas lecturas, novos lectores.


Algunhas das ideas que anotei no meu caderno foron as seguintes.

1. Os nacidos antes de 1993 somos inmigrantes  na competencia dixital.
2. Os plans de lectura dos centros deberían ser tamén de escritura.
3. Os mozos e mozas de hoxe en día len moito pero nesa diversidade de cousas que len non todo é literatura.
4. Os alumnos e alumnas son cazadores furtivos de palabras.
5. Hai que ter unha boa biblioteca de aula. Se non hai libros suficientes, hai que pedirllos á biblioteca mediante a mochila viaxeira.
6. A biblioteca escolar non é unha biblioteca pública dentro da escola ou encaixada nela.
7. As aulas non funcionan como trailers que inciten ao alumnado a interaccionar coas bibliotecas.
8. Hai que crear pontes entre as aulas e todas as iniciativas que se levan a cabo nas bibliotecas escolares.
9. se temos ques apostar por unha educación intercultural temos que facelo tamén dende o currículo, tendo en conta a selección de textos que levamos á nosa aula.

Aquí estamos algunhas das compis do cole que asistimos ás xornadas.





E aquí estamos as do CEIP Fermín Bouza Brey, as do CPI Mondariz
e nós, as do CEIP Nosa Señora dos Remedios!!!




Faltan María e Elena. Eramos un bo grupiño.

21/10/09

Animación á lectura na familia

Unha dos obxectivos que nos temos que propoñer dende a educación é o de fomentar a lectura na familia.

Para iso debemos fornecer ás nais e aos pais de ferramentas que os animen a adicarlle un tempo diario á lectura cos seus fillos e fillas.

É por iso que vos propoño que contedes as vosas experiencias persoais ou que comentedes o que vós pensades que se debería facer para axudar a aumentar o número de lectores e lectoras.

Non é necesario que teñades fill@s para que poidades opinar, pois eu, como xa sabedes os que me coñecedes, non os teño, pero si sobriñas que viven a 700 Km de distancia, e por iso a miña experiencia é a seguinte:

Material: Un ordenador, unha cámara web e un programa que permita a videoconferencia tipo Skype.

Non vexades o xogo que dá inventar historias ou ler contos a través da videoconferencia.

15/10/09

María Lires autora, María Lires ilustradora


María Lires, a ilustradora de Soños de andel, vén de publicar na Editorial Galaxia o seu primeiro libro como autora e ilustradora.

As ilustracións reflicten eses bechos pequerrechos que nos rodean acotío e que neste libro, a través do texto, tomán vida pasando a ter problemas, complexos, alegrías... coma calquera de nós.

Parabéns por este novo traballo.

11/10/09

Así o entenderon...

No lateral dereito deste blog pódense ver os diferentes traballos que realizaron os alumn@s baixo o título Así o entenderon...

Pódense apreciar as ilustracións e textos:

- Dos alumn@s de 2ºD do CEIP Fermín Bouza Brey
- Dos alumn@s de 2ºA do CEIP Nosa Señora dos Remedios
- Dos alumn@s de infantil 5 anos do Colexio Santiago Apostol
- Dos alumn@s de 5ºB do CEIP Nosa Señora dos Remedios
- Dos alumn@s de 6º B do CEIP Nosa Señora dos Remedios

Todos eles do curso académico 2008-2009.

7/10/09

Encontro no CEIP de Andrade, Pontedeume

Ani xa atopou un lugar no que vivir, un lugar no que os nenos e nenas o van coller para levar ás súas casas. Ese máxico lugar é a biblioteca do CEIP de Andrade, que a partir de agora se chama "Soños de andel".

E para celebrar a inaguración o profesorado e o alumnado prepararon unha gran festa.

Primeiro a ilustradora María Lires e mais eu, destapamos a placa que lle dá nome á biblioteca.

A continuación os Titiriteiros de Andrade tíñannos preparada unha sorpresa: unha representación de Soños de andel.

Despois puidemos ver como dun libro xigante saían os personaxes de contos que todos desexamos ser.

Para rematar o acto, María e mais eu falamos do proceso de escribir e ilustrar o libro.

Foi un día moi especial.

Encontro no Fermín Bouza Brey, Ponteareas



No Fermín Bouza Brey estiven cos meus antigos compañeiros de cole e cos meus pequerrechos de 1ºD.

Tíñanme preparada unha sorpresa. Elaboraran co seu mestre un libro no que os nenos e nenas foron os autores e ilustradores!!!!

Foi moi emocionante volver estar con eles.

3/10/09

Día do libro no CEIP Nosa Señora dos Remedios, Ponteareas

No día do libro no CEIP Nosa Señora dos Remedios, organizamos un encontro con todo o alumnado de Educación Primaria.

Foi por ciclos. Cada aula tiña prepara unha serie de preguntas.

Foi unha experiencia moi gratificante, porque non me esperaba moitas das preguntas que me fixeron.

Presentación de Soños de Andel na Librería La Vara

A presentación de Soños de Andel foi na Librería La Vara en Ponteareas.

Foi unha noite máxica na que se viron cumpridos moitos soños.

Faltaban meu pai, a miña irmá, o meu cuñado e a miña sobriña, pero estaban igual nos nosos pensamentos.

Grazas á miña nai e a Abel polo apoio que sempre me dan.

Grazas ao meu irmán que me prestou o nome de Ani para o protagonista do libro. Grazas a Luci tamén.

Tamén teño que agradecerlle á DJ Lourdes Porto a montaxe do son que nos acompañou durante toda a presentación, e como non, tamén elaborou os pinchos. ¡Que ricos que estaban!

E a Ana, por ter esta librería tan engaiolante en Ponteareas.

Grazas, en definitiva, a todos os que estivestes e aos que non puidestes estar, polo voso agarimo.