O alumnado de 6º de EP do CEIP de Leirado representaron a final de curso Soños de andel para os máis pequerrechos do cole.
Agardo que se divertisen moito!!!!
A avoa Laura naceu e morreu pobre. Eu a penas a coñecín porque faleceu cando eu tiña pouco menos ca tres anos. Daquela, vivían na casa os meus pais, a miña irmá, que me leva seis anos, o padriño e a avoa Laura.
Case que non teño recordos dela, os máis, os que me foron contando aos longos dos anos, pero recordos de meu, teño ben poucos. O que si lembro é a unha señora maior, vestida de loito e deitada nunha cama, como agardando a que a morte viñese por ela xa dunha vez. A avoa Laura nunca volvera ser a mesma dende que lle morrera o seu fillo, cando eu tiña máis ou menos, un ano e medio.
A xente di que non se debe de ter un fillo só, porque se che morre quedas sen ningún e a pena é máis grande, pero a eses a avoa Laura diríalles que ningún fillo que tiveses ocuparía o lugar que deixou o que se foi de súpeto, case sen avisar. É por iso que os dez fillos, daquela xa só nove, que tiña a avoa Laura non foron suficiente para acabar coa dor que a prematura morte de Silverio, con pouco máis de vinte anos e cun mes de casado deixou no corazón da viuva, dos irmáns e, como non, da coitada da nai, que rematou morrendo de pena e coa esperanza de poderse atopar co seu penúltimo fillo alá onde Deus a levase.
A avoa Laura naceu no ano 1912, filla dunha republicana, a visaboa Feli, pasou toda a súa vida parindo e coidando fillos. Non tivo oficio coñecido máis que o de coidar dos seus, que coa cantidade que eran, dabondo lle chegaba.
Ilustración do libro "Enséñame a ser feliz" de Àngels Ponce e ilustrado por Miguel Gallardo.