26/7/10

26 de xullo, día dos avós

Foto de Margherita Vitagliano

O 26 de xullo é o día dos avos.


Os avós son esas persoas ás que tanto se lles debe, e que ás veces, tan pouco reciben a cambio.

Do avó Benigno non me lembro, el xa morrera cando eu nacín. Din que era un home moi alto e moi guapo, e por iso traía toliñas a todas as mulleres da vila.

Da avoa Laura teño uns recordos moi confusos. Lembro unha cama nun recuncho dun cuarto. Un cuarto con porta a un pequeno balcón.

Na cama, un corpo cuberto de negro. Un negro loito.
Ningunha nai e ningún pai deberían ter que padecer o amargo sufrimento que é sobrevivir a unha parte de ti, a algo que foi teu, que estivo no teu interior e que agora xa non existe, xa non está.

Non lembro máis dela, pero dos seus nove fillos que si sobreviron á morte da súa nai, puiden escoitar historias da valentía que supoña ser unha nai na Galicia da guerra e da posterior ditadura.

Un día comecei a escribir un libro, un libro que falaba da avoa Laura. Un libro que nunca rematei. Un libro que comeza así:

A avoa Laura naceu e morreu pobre. Eu a penas a coñecín porque faleceu cando eu tiña pouco menos ca tres anos. Daquela, vivían na casa os meus pais, a miña irmá, que me leva seis anos, o padriño e a avoa Laura.

Case que non teño recordos dela, os máis, os que me foron contando aos longos dos anos, pero recordos de meu, teño ben poucos. O que si lembro é a unha señora maior, vestida de loito e deitada nunha cama, como agardando a que a morte viñese por ela xa dunha vez. A avoa Laura nunca volvera ser a mesma dende que lle morrera o seu fillo, cando eu tiña máis ou menos, un ano e medio.

A xente di que non se debe de ter un fillo só, porque se che morre quedas sen ningún e a pena é máis grande, pero a eses a avoa Laura diríalles que ningún fillo que tiveses ocuparía o lugar que deixou o que se foi de súpeto, case sen avisar. É por iso que os dez fillos, daquela xa só nove, que tiña a avoa Laura non foron suficiente para acabar coa dor que a prematura morte de Silverio, con pouco máis de vinte anos e cun mes de casado deixou no corazón da viuva, dos irmáns e, como non, da coitada da nai, que rematou morrendo de pena e coa esperanza de poderse atopar co seu penúltimo fillo alá onde Deus a levase.

A avoa Laura naceu no ano 1912, filla dunha republicana, a visaboa Feli, pasou toda a súa vida parindo e coidando fillos. Non tivo oficio coñecido máis que o de coidar dos seus, que coa cantidade que eran, dabondo lle chegaba.

Da avoa Virginia e do avó Adolfo xa teño máis recordos de meu. Son reais, non mos tiven que construír cos retazos das verbas dos demais.

O avó Adolfo era serio, poucas veces o escoitei rir. A avoa Virgnia parecía moi fráxil, pero en realidade era moi forte.

Mais eu, xa non teño avós.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

O mellor dos avós e das avoas son os recordos que nos deixan como calquer pesoa que queres pola vida e marcha para sempre... aínda que, ao mesmo tempo, queda algo dela en ti. (...)

Da miña avoa Amabilia aínda lembro o sabor das "orejitas", orellas doces que me facía logo de probar a darme de comer de todo canto tiña e rexeitárllelo (porque era moi mala comedora... fíxate agora)
Do meu avó José lembro absolutamente todo. El foi quen me ensinou a ler, escribir, sumar, restar e incluso a multiplicar con menos de 6 anos, ensinoume a respetar aos demáis e á natureza, ensinoume a ser feliz con tal de ter unha xoaniña na man... (por iso me gustan tanto)

Bicos para o meu avó e a miña avoa... alá donde estén han saber que lles quero!

Bicos para ti, Susana, gustoume moito este artigo!!! ;)

Ana Mariño

Susana Lamela dijo...

A min tamén me encantou o teu comentario!!! Puxéchesme a pel de galiña.

¡Que sabio era o teu avó José! Se todos os avós/avoas ensinasen iso aos seus net@s, viviríamos nun mundo mellor.

Agardo que nunca deixes que esa xoaniña saia voando da túa man!!!

Un bico enorme

Lu dijo...

Canto chorei con este artigo, Su!! Estas cousas non se me fan! Precioso, como todo o que escribes. Un bico enorme. "Os sonos son o único paraíso do que non podemos ser expulsados".